Monday 29 de April de 2024

Primeiro pleno ordinario en San Sadurniño con tres asuntos na parte resolutiva


A sesión desenvolverase hoxe a partir das 19:30h

O Concello de San Sadurniño celebrará hoxe ás 19:30h o primeiro pleno de carácter ordinario do mandato corporativo 2023-2027. Unha sesión que en principio será de trámite, posto que na orde do día só van tres asuntos na parte resolutiva para debate e votación (catro, se incluímos a aprobación da acta da sesión anterior). Os temas que se tratarán serán os festivos locais do ano que vén -o 13 de febreiro, Martes de Entroido, e o 2 de xullo, Santa Isabel-, a aprobación plenaria da solicitude á Deputación dunha subvención para o proxecto A Fusquenlla e por último, antes do apartado de control, as asignacións para o funcionamento dos grupos políticos municipais, que quedarán fixadas en 50€ mensuais máis 10€ por cada concelleira ou concelleiro. Ao ser un pleno ordinario, na orde do día tamén figura unha quenda final de rogos e preguntas.

A proposta da alcaldía sinala como festivos locais para o ano que vén o martes 13 de febreiro -Martes de Entroido- e máis o día 2 de xullo, Santa Isabel, que tamén caerá en martes. Dúas xornadas que se engaden aos festivos autonómicos -o venres 17 de Maio, Día das Letras Galegas, e o xoves 25 de xullo, Día de Galicia-, así como aos de ámbito estatal: o luns 1 de xaneiro, o sábado 6 de xaneiro, o 28 e 29 de marzo (Xoves e Venres Santo), o mércores 1 de maio, o xoves 15 de agosto, o sábado 12 de outubro, o venres 1 de novembro, o venres 6 de decembro e o mércores 25 de decembro.

Unha vez deliberado e votado o asunto, o pleno entrará na cuestión de maior relevancia da sesión, que estará centrada na aprobación dunha solicitude de subvención nominativa á Deputación da Coruña por valor de 80.000 euros para ampliar o equipamento dispoñible no centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.

A petición será ratificada polos plenos dos catro concellos promotores -San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño- coa finalidade de financiar a merca de aparellos que melloren as liñas de produción de horta e mel. O proxecto está cuantificado en algo máis de 101.000 euros, de maneira que os fonds provinciais cubrirían cerca do 79% do investimento necesario.

Asignacións para os grupos e dación de contas
A última cuestión para tratar na primeira parte da sesión é a relativa ás asignacións dos grupos municipais recentemente constituídos: BNG, PP e Grupo Mixto, formado polo único concelleiro electo polo PSdeG-PSOE. Tal e como quedou establecido no pleno organizativo, os grupos percibirán 50€ fixos ao mes e un importe de 10€ por cada integrante.

Así, ao BNG corresponderanlle 120€, ao PP 80€ e ao Grupo Mixto 60€. Neste sentido, na proposta tamén se inclúe a retroactividade das contías con efectos desde este mes de xullo e a “derogación tácita” do apartado correspondente das bases de execución do orzamento, dado que no documento en vigor, que non cumprirá modificar, aínda figuraban os importes do anterior mandato: 30€ por grupo e 6,96 euros por concelleiro/a.

Antes de entrar na última parte, a de rogos e preguntas, na sesión tamén se dará conta das resolucións e comunicacións efectuadas desde o último pleno.

O inicio do pleno ordinario está posto para as 19:30h en primeira convocatoria e para as 20:00h en segunda. Emitirase ao vivo a través da canle de youtube do Concello, con ligazón compartida no Facebook municipal.